Por qué esta ILP

Porque o eucalipto ocupa xa 1 de cada 5 m2 do territorio galego.

Porque os eucaliptais arden 3,55 veces máis que os bosques de frondosas.

Polo deterioro dos servizos ecosistémicos (fertilidade, dispoñibilidade de auga, biodiversidade, etc.) que provocan os monocultivos e os lumes.

A ILP en defensa dos bosques consegue o apoio de 42.328 galegas e galegos

Grazas, grazas e grazas!!!

Ante todo, queremos agradecer aos milleiros de cidadás e cidadáns os avais acadados, que multiplican por 4 o mínimo legal para tramitar a lei no Parlamento. Trátase dunha das ILPs ambientalistas máis apoiadas na historia do noso autogoberno, superando en sinaturas recollidas á ILP en defensa dos ríos (aprobada en 2006) e a máis recente a favor da reciclaxe (rexeitada en 2013). É tamén a terceira ILP forestal en menos de 30 anos, feito que unido ao extraordinario apoio cidadán acadado pola presente proposta, dá conta da preocupación e o compromiso que a defensa dos nosos bosques desperta na sociedade galega.

A ILP dos bosques, sexa ou non aprobada, xa acadou un dos seus obxectivos: implicar a milleiros de persoas por todo o país e a centos de colectivos e entidades de diversas sensibilidades (social, ecoloxista, sindical, cultural, produtiva, política) en defensa dos nosos bosques. Persoas e colectivos que asumiron como propios as mensaxes e os obxectivos desta Proposición de Lei, que dende que foi presentada hai 6 meses, divulgouse en ducias de actos públicos por todo o país.

Conquerimos tamén levar á rúa un debate que até o agora semellaba tabú, sobre todo en ámbitos rurais: o monocultivo do eucalipto como problema de país, e rachar coa “omertà” de anos imposta por ENCE e os seus valedores políticos. A ILP logrou espertar a reflexión e o debate sobre a expansión descontrolada do eucalipto en eidos como algúns concellos, entidades produtivas, de investigación, etc. nos que semellaba estar sacralizado. Conseguiu remexer conciencias de aquí e de acolá, chegando a situar a problemática forestal galega nas axendas políticas locais, do estado e da UE. De paso, obrigou tamén á Xunta a mirar de fronte cara a unha problemática ambiental, social, cultural, e mesmo económica, que até o de agora facía que non vía: de súpeto, o goberno de Núñez Feijoo lembrou que había unha lei de montes e unha lei galega de prevención de incendios que tiña que cumprir e facer cumprir.

Coas máximas de defender o bosque galego, frear a expansión do eucalipto, favorecer un monte diverso e multifuncional e loitar contra os incendios forestais, esta ILP chega ao Parlamento para reclamar ao Partido Popular e ás forzas da oposición que devolvan a dignidade ao rural, e procuren un futuro sustentábel para os montes e os bosques de Galiza. Agardemos que por terceira vez, non lle volvan a dar as costas.

Chamamento á devolución de pregos asinados

O prazo para a recollida dos pregos asinados da Iniciativa Lexislativa Popular para a defensa do Bosque Autóctono e contra os lumes forestais estase achegando. Á agarda do reconto definitivo, xa podemos adiantar que o resultado desta campaña está a ser extraordinario, superando amplamente o mínimo de sinaturas(10.000) necesarias para levar a ILP a debate no Parlamento Galego. Agora é o momento de devolver ás entidades promotoras da ILP (Alianza por un rural galego vivo -ADEGA, Fruga, CIG, ORGACCMM- e Cousa de Raíces) os pregos de sinaturas repartidos por toda a xeografía galega para poder rexistralas con tempo pola Comisión Promotora. Por tanto, recomendamos que a entrega dos pregos asinados (aínda que non estean completos) se realice antes do remate o mes de maio. A continuación, explicámosche como facelo…

A devolución pódese efectuar de forma presencial, entregando os pregos nos locais das entidades promotoras, ou a través de envío por correo postal.

Aqueles pregos asinados que queirades facer chegar á plataforma Cousa de Raíces, podedes envialos antes do remate do mes de maio ao enderezo postal de ADEGA en:

Travesa dos Basquiños, nº 9 Baixo,

15704 Santiago de Compostela.

Animámoste a facer un último esforzo de recollida de sinaturas no mes de maio!

Moitísimas grazas a todas/os pola vosa colaboración e compromiso con esta causa xusta!

Algunhas das propostas da ILP

Incentivos para o mantemento do bosque autóctono e apoio a iniciativas de transformación dos produtos do bosque.

Moratoria para o Eucalyptus.

Prohibición do Eucalyptus nitens polo seu carácter invasor e perigoso, recoñecido polo Ministerio de Medio Ambiente.

Fomento da conservación, a investigación, a multifuncionalidade e a sustentabilidade económica e social.

Incremento da xestión pública do monte e apoio aos montes veciñais en man común.

Esta ILP está promovida por Cousa de Raices e a Alianza por un rural galego vivo, formada pola CIG, a FRUGA e a ORGACCMM.