PROPOSICIÓN DE LEI POR INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR PARA A PROTECCIÓN E MELLORA DOS HÁBITATS DE BOSQUE AUTÓCTONO, A RACIONALIZACIÓN DA XESTIÓN DO MONTE E A LOITA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS

  • EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

  • A pesar da importancia da superficie de monte en Galiza, por volta dos 2/3 do total do territorio, as políticas aplicadas desde a entrada en vigor do Plano Forestal (1992) non conseguiron compatibilizar os aspectos produtivos do monte coa conservación dos hábitats naturais, particularmente dos bosques autóctonos, historicamente degradados e cada día máis diminuídos en relación coas plantacións de árbores de crecemento rápido.

    O devandito Plano Forestal cun horizonte de aplicación de 40 anos (2032) visaba unha extensión máxima do eucalipto dunhas 245.000 hectáreas. No primeiro Inventario Forestal Nacional (IFN I) de 1972/73, o eucalipto estaba presente nun total de 131.181 hectáreas. Para o máis recente (IFN IV), realizado en Galiza no ano 2009, o eucalipto estendérase xa por 433.915 hectáreas entre masas puras e mixtas. A finais de 2016 a superficie de eucaliptais en Galiza podería superar xa as 500.000 hectáreas, duplicando a falta de 13 anos as previsións máximas do Plano Forestal de 1992. En proporción ao total do territorio, a especie cobre xa case o 17% de Galiza, mentres que en Portugal non chega ao 9%. A intensidade de ocupación da nosa terra é portanto dupla que no país veciño. Este dato chama a atención non só pola importante superficie que representa, senón tamén porque de todos os estados europeos, só España e Portugal permiten o monocultivo desta árbore.

    Nos últimos tempos unha nova especie de eucalipto, o Eucalyptus nitens, engadiuse aos plantíos, ocupando a espazos antes vetados para o E. globulus, dada a súa maior resistencia ao frío. O E. nitens foi considerado polo Comité científico de flora e fauna silvestres do Ministerio español do ambiente como unha “especie exótica en expansión, con alto risco de invasión e perigosa para a biodiversidade e a funcionalidade dos ecosistemas”. Malia non estar formalmente incluído no Catálogo estatal de especies exóticas e invasoras, o E. nitens éo. En consecuencia, as administracións públicas deberían prohibir o seu cultivo en todo o territorio galego e poñer en marcha un plano de control e erradicación naquelas áreas nas que xa estea presente.

    Este forte aumento do eucalipto vese favorecido por un modelo de explotación do monte intensamente forestalista, que aposta pola produción de madeira con pouco valor engadido. Tamén ten a ver co abandono agrario, o despoboamento e o declive do medio rural galego, caldo de cultivo para os lumes forestais, favorecidos pola mudanza climática e o carácter pirófilo das especies forestais empregadas.

    Tamén a aplicación dunha Política Agraria Común (PAC), tanto por parte do goberno galego como español, que destrúe ás economías familiares en beneficio das multinacionais mediante a imposición de prezos ridículos sobre as producións agrarias e gandeiras, provoca o abandono do mundo rural e favorece a extensión do monocultivo de especies de crecemento rápido sobre as terras agrarias abandonadas.

    A falla dun modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo, fai que o destino de moitos montes e terras agrarias remate sendo o monocultivo, nomeadamente de eucalipto, substituíndo ás frondosas autóctonas, e finalmente o lume. Esta ocupación está a atinxir tamén aos espazos protexidos e ás terras agrarias, contravindo unha lexislación por veces demasiado permisiva e discrecional. Faise imperativo, xa que logo, aumentar as cautelas e clarexar as determinacións legais, garantindo o cumprimento das normas e abordando a recuperación dos usos orixinais e a rexeneración dos hábitats degradados por plantíos ilegais.

    Constatamos tamén a escasa superficie ocupada polos montes de xestión pública. A vocación primeira destes espazos debería ser a conservación dos valiosos hábitats naturais, chave para ao amortecemento dos efectos do cambio climático, a conservación da biodiversidade e a redución do impacto dos lumes forestais. Malia ao aprobado no Plano Forestal de 1992, 25 anos despois seguimos sen contar cun inventario de masas de frondosas autóctonas, ferramenta fundamental para poder planificar non só medidas de conservación, senón tamén para deseñar estratexias de xestión que maximicen os beneficios do bosque autóctono.

    Somos conscientes de que o aproveitamento forestal intensivo con especies alóctonas, pirófilas e de crecemento rápido comporta o deterioro de servizos ecosistémicos que como a diversidade natural, a dispoñibilidade de auga, a fertilidade do solo, ou a calidade paisaxística, son importantes para a vida e o mantemento das actividades económicas da nosa sociedade. Os monocultivos de pirófilas, quer para madeira, pasta ou biomasa (cultivos enerxéticos) inciden tamén na maior frecuencia e intensidade dos lumes; na contaminación de terras e rías con agroquímicos e vertidos das celulosas; no empobrecemento da biodiversidade e no avanzo da erosión, provocando perdas económicas directas e lucro cesante. Este modelo forestal contribúe tamén a fosilizar importantes cantidades de recursos públicos através do PLADIGA -plano de loita contra o lume- que custa anualmente arredor de 150 millóns de euros.

    Os modelos de aproveitamento do monte que apostan pola multifuncionalidade de usos, pola utilización das especies autóctonas, e polo mantemento dos servizos ecosistémicos que estas prestan á sociedade, deberían estar primados con incentivos directos e indirectos –exencións-, mesmo sen ter unha fin produtiva. Os nosos bosques naturais prestan un importante servizo á sociedade, polo que semella lóxico que esta repercuta parte dos beneficios a aquelas comunidades e propietarios/as que apostan pola súa conservación e aproveitamento sustentábel.

    Tendo en conta estas consideracións e dado o peso territorial do monte galego, faise urxente adoptar as seguintes medidas para garantir a súa xestión sustentábel e a adaptación aos retos do cambio climático:

  • Capítulo I. DoS PRINCIPIOS REITORES DA XESTIÓN DO MONTE

  • Artigo 1.

    Os instrumentos de ordenamento e xestión dos montes, independentemente da súa titularidade, terán como principios reitores a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos que prestan os montes galegos e a sustentabilidade económica e social.

    Artigo 2.

    As administracións públicas contemplarán como unha prioridade o incremento da xestión pública dos montes, mediante merca ou convenio cos propietarios de montes particulares ou convenios de xestión cos titulares dos montes veciñais en man común. Para tal fin, a Xunta de Galiza dotarase das partidas económicas precisas nos orzamentos anuais. Estes montes así xestionados adicaranse fundamentalmente á conservación, á investigación e ao uso social.

  • Capítulo II. Da TITULARIDADE e da xestión dos montes

  • Artigo 3.

    Os montes veciñais en man común, como xeito singular de xestión que forma parte do patrimonio económico, social e cultural de Galiza, serán recoñecidos e protexidos como unha titularidade distinta da pública e da privada. Garantirase en todo caso a súa inalienabilidade, inembargabilidade, indivisibilidade e imprescritibilidade e non estarán suxeitos a ningunha contribución de base territorial ou empresarial. Impedirase tamén que a súa xestión forestal poida cederse directa ou indirectamente a particulares e entidades privadas.

    Artigo 4.

    A Xunta de Galiza fomentará e favorecerá o asociacionismo e a agrupación de propietarios forestais prioritariamente através da figura das UXFOR (Unidades de Xestión Forestal). Asemade facilitaralles asesoramento, formación e apoio técnico mediante persoal adecuado, ás asociacións de propietarios e ás xuntas veciñais sobre as millores técnicas de xestión integral e sustentábel dos seus montes.

  • CAPÍTULO III. DA FORESTACIÓN e dos aproveitamentos das ESPECIES alóctonas

  • Artigo 5.

    Establécese unha moratoria indefinida para novos plantíos de especies do xénero Eucalyptus en todo o territorio galego. A administración galega fomentará a realización de estudos para avaliar os impactos desta árbore sobre os hábitats naturais e os servizos ecosistémicos que estes espazos prestan á sociedade. En base esta información, estableceranse as características e condicións para o aproveitamento desta especie.

    Artigo 6.

    1. Prohíbese o cultivo do Eucalyptus nitens, e das especies do xénero Acacia, Robinia, Pawlonia e da subfamilia Bambuseae. A administración establecerá medidas para a progresiva erradicación destas especies en todo o territorio, con especial atención aos espazos naturais e ás terras agrarias ou con vocación agro-gandeira.
    2. Prohíbense as repoboacións forestais en solo urbano e núcleos rurais.
    3. Prohíbense as repoboacións forestais en zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos, con independencia da súa cualificación urbanística.

    Artigo 7.

    Prohíbese o cultivo e as repoboacións con todas as especies do xénero Eucalyptus nos espazos integrantes da Rede galega de espazos protexidos, establecida pola Lei 9/2001 de Conservación da Natureza ou norma que a substitúa.

    Artigo 8.

    En repoboacións en coto redondo a partir de 1 hectárea de eucalipto e 4 para coníferas e frondosas, establécense as seguintes porcentaxes de reserva ecolóxica para bosque nativo: 30% para eucaliptais, 20% para coníferas e 10% para frondosas e caducifolias.

    Artigo 9.

    Nas superficies repoboadas con Eucalyptus o marco de plantación mínimo será de 4x4m e o 20% da superficie plantada con esta especie deberá ter un ciclo de corta superior aos 30 anos.

    Artigo 10.

    Para garantir a ruptura da continuidade das masas forestais monoespecíficas de eucaliptos e piñeiros, establécense as seguintes faixas de separación nas que deben estar ausentes estas especies:

    • 100 metros cada 50 hectáreas de eucaliptos.
    • 50 metros cada 50 hectáreas de piñeiros.

    Artigo 11.

    Prohíbense os cultivos enerxéticos forestais, entendidos como tales as plantacións arbóreas e arbustivas con destino á produción de electricidade e de combustíbeis, en turnos de corta menores de 10 anos. En todo caso, o marco de plantación non debe ser inferior a 4x4 metros.

  • CAPÍTULO IV. DA REXENERACIÓN DAS ÁREAS OCUPADAS POR PLANTACIÓNS FORESTAIS NON PROCEDENTES

  • Artigo 12.

    A Xunta de Galiza promoverá un programa de redución progresiva da superfcie ocupada polo eucalipto, orientando as terras mediante o axeitado planeamento consonte aos principios recollidos no artigo 1.

    Artigo 13.

    A administración galega iniciará con carácter urxente un programa de erradicación dos eucaliptos e das especies citadas no artigo 6 daqueles espazos que integran a Rede galega de espazos protexidos.

    Artigo 14.

    A administración iniciará de oficio un programa control e erradicación das plantacións forestais que ocupen terras agrarias ou con vocación agro-gandeira ou incumpran as distancias mínimas fixadas nas normas vixentes, sen prexuízo das sancións administrativas que correspondan. Fomentarase a incorporación destas parcelas ao Banco de Terras.

    Artigo 15.

    Os propietarios de parcelas nas que medraron como ventureiros ou fóra de ordenación exemplares de eucaliptos e de especies sinaladas no artigo 8, así como nas masas mixtas con frondosas caducifolias autóctonas, estarán obrigados a retiralos. Estas actuacións poderán ser realizadas pola administración con carácter subsidiario.

  • CAPÍTULO V. DAS MEDIDAS DE MITIGACIÓN DOS INCENDIOS FORESTAIS E PROTECCIÓN DO PATRIMONIO

  • Artigo 16.

    Medidas para a redución do risco de incencios nas operacións forestais:

    1. Os restos de corta, podas e clarexos deberanse retirar unha vez rematados os traballos nun prazo máximo de 15 días.
    2. Aquelas plantacións de eucalipto que superados os 3 aproveitamentos fiquen en situación de abandono, deberán ser retiradas polos seus propietarios para reducir o risco de incendio.

    As administracións poderán realizar con carácter subsidiario estas actuacións.

    Artigo 17.

    Co obxectivo de amortecer os riscos e os eventuais efectos dos incendios forestais, as redes secundarias de xestión da biomasa establecidas consonte o artigo 21 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza, terán unha anchura de 100 metros, estando ausentes dos primeiros 50 metros as especies citadas na disposición adicional terceira da antedita norma.

    Artigo 18.

    As distancias mínimas que deben respectar as novas plantacións forestais (Anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia), serán as que se recollen na seguinte táboa:

    a) Con parcelas forestais 4 metros en caso de frondosas do anexo 1, e 6 metros no resto de especies
    b) Con terreos situados en solo rústico de especial protección agropecuaria 10 metros cando se empreguen as especies frondosas do anexo 1, e 50 metros no resto de especies
    c) Con zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos non clasificados de especial protección agropecuaria 4 metros cando se empreguen as especies frondosas do anexo 1, e 30 metros no resto de especies
    d) Desde o límite do dominio público das vías (autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais) ou do ferrocarril 4 metros cando se empreguen as especies frondosas do anexo 1, e 50 metros no resto de especies
    e) Con pistas forestais principais 2 metros cando se empreguen as especies frondosas do anexo 1; no resto de especies, 15 metros en xeral, e 25 metros nos concellos declarados como zona de alto risco
    f) Desde a proxección do condutor máis externo, considerando a súa desviación máxima producida polo vento segundo a normativa aplicable a cada caso, da infraestrutura eléctrica 5 metros as especies frondosas do anexo 1 e 25 metros para o resto das especies
    g) Con canles fluviais 5 metros cando se empreguen as especies de frondosas do anexo 1, e 50 metros no resto de especies, contados desde o dominio público. Non será aplicable en actuacións de recuperación ambiental

    h) Con edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte e fóra de solo urbano e de núcleo rural

    i) Con solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable delimitado

    15 metros cando se empreguen as especies de frondosas do anexo 1, e 50 metros no resto de especies
    j) Con cámpings, gasolineiras e industrias ou instalacións preexistentes en que se desenvolvan actividades perigosas consonte o establecido na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, ou na súa normativa de desenvolvemento 25 metros para especies de frondosas do anexo 1, e 100 metros para o resto de especies

    Artigo 19.

    A administración galega potenciará os aproveitamentos diversos do monte facendo especial fincapé uso do pastoreo e a gandería extensiva como elemento natural de desbroce e prevención de incendios forestais.

    Artigo 20.

    Para minimizar a afección ao patrimonio histórico e arqueolóxico do labores forestais e dos incendios, establécese para as plantacións forestais con carácter xeral unha faixa perimetral de exclusión de 25 metros, e nos seguintes 25 metros un marco mínimo de plantación de 6x6 arredor destes elementos. No caso de elementos maiores como castros ou conxuntos etnográficos e arqueolóxicos, unha ordenación específica poderá dispoñer, en función das súas características, un perímetro de exclusión maior.

    Artigo 21.

    O PLADIGA, Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galiza, terá carácter anual e aprobarase no último trimestre do ano anterior ao de aplicación.

  • CAPÍTULO VI: DAS MEDIDAS DE FOMENTO DO BOSQUE AUTÓCTONO

  • Artigo 22.

    A administración galega realizará con carácter urxente o inventario de masas de frondosas autóctonas previsto no vixente Plano Forestal e incorporará as súas conclusións ás futuras planificacións.

    Artigo 23.

    Fomentarase o mantemento das masas de arborado autóctono e a silvicultura con madeiras de calidade (especies frondosas do Anexo 1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galiza). Con este obxecto, a Xunta de Galiza habilitará liñas de axudas e establecerá exencións fiscais e mesmo compensacións directas aos propietarios destas masas, mesmo sen teren unha función produtiva.

    Artigo 24.

    A administración galega apoiará as iniciativas de transformación das materias primas do bosque con especial atención ás pequenas e medianas empresas de transformación da madeira, á industria do moble de calidade, e ao aproveitamento doutros recursos do monte (artesanía e derivados, cogomelos, plantas medicinais, etc.).

  • DISPOSICIÓNS DERROGATORIAS:

  • Primeira.

    Quedan derrogados aqueles aspectos da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galiza, da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza, e da normativa sectorial de montes que se opoñan aos contidos da presente Lei.

    Segunda.

    Queda derrogado o artigo 2 (alínea c) e o artigo 61 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galiza.

    Terceira.

    Queda derrogado o Decreto 45/2011, do 10 de marzo, polo que se regula o fomento das agrupacións de propietarios forestais, os requisitos e cualificación das sociedades de fomento forestal e a creación do seu rexistro.

  • DISPOSICIÓN FINAL

  • A presente Lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación do Diario Oficial de Galiza.